Os palcos da música

As festas patronais, vestixios da relixiosidade popular nun contexto de crecente secularización, desempeñan un papel cultural, económico e social de gran relevancia na Galicia. Profundamente enraizadas no ethos galego, estas celebracións comunitarias foron esenciais para preservar o tecido relixioso e social das comunidades locais.

As festas parroquiais en Galicia seguen mantendo unha estrutura temporal que apenas variou ao longo do tempo. Contan tamén cun espazo propio en cada parroquia, o campo da festa, unha área reservada para as celebracións parroquiais que cobra vida durante os festexos.

Xeralmente situado xunto á igrexa e ao cemiterio, o campo da festa destaca como elemento central na organización espacial da parroquia ou aldea. Trátase dun espazo aberto e despexo, habitualmente de propiedade e xestión comunitaria, arredor do cal se distribúen infraestruturas como a parada de autobús, os colectores de lixo, instalacións deportivas ou o centro social da parroquia.

Os palcos da música

O palco da música é o elemento distintivo do campo da festa. A diferenza dos quioscos circulares ou semicirculares típicos dos parques históricos e espazos urbanos, os palcos asociados ás celebracións parroquiais no rural galego adoitan ser rectangulares e a súa construción popularizouse a partir da década dos 70 do século pasado. Na maioria dos casos, os palcos foram construídos polas propias veciñas e veciños  para acoller ás formacións musicais do momento. Estes palcos contan cunha base sólida e unha plataforma elevada e cuberta que serve como escenario, accesible mediante escaleiras ou rampas situadas no centro ou ao longo dos laterais.

Os materiais máis empregados na súa construción son o cemento, o formigón, os bloques e os ladrillos, aínda que tamén son frecuentes as estruturas de madeira. O tellado pode estar composto por tella de fibrocemento, placas de formigón, metal ou madeira, garantindo protección ás bandas ou conxuntos musicais fronte ás inclemencias meteorolóxicas. Algúns palcos incorporan elementos decorativos, como barandillas, adornos de ferro forxado e detalles en pedra. Non obstante, en xeral, estas construcións caracterízanse por unha estética sobria e modesta.

Palco da música en Vilamor, Fogoso do Courel, Lugo. Fotografía: Iñigo Sánchez-Fuarros

Evolución dos palcos

As técnicas e tecnologías de construción dos palcos da música evolucionou ao ritmo do desenvolvemento das festas parroquiais, desde os palcos feitos de madeira até os camións-escenario actuais.

——Saber máis

Tipoloxía dos palcos segundo o uso actual

Segundo o seu estado de conservación e os usos actuais, podemos clasificar os palcos de música en catro categorías: vivos, fósiles, reapropiados e lembrados.

——Saber máis