PALCOS é un proxecto de investigación que se desenvolve no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC e que pretende localizar, documentar, catalogar e estudar os palcos da música espallados polo territorio galego e que hoxe, en moitos casos, se encontran en desuso.
Unha das hipóteses de partida é que os palcos da música son trazas materiais na paisaxe que encarnan a vida en comunidade que se tece ao redor da festa. A súa presenza no campo da festa de moitas parroquias galegas –aínda que xa non se usen e se convertan en ruínas– testemuña os cambios nos ecosistemas sociais, económicos e culturais dos territorios nos que se sitúan.

Se os consideramos como repositorios materiais de memorias e saberes locais, os palcos da música son, ademáis, un bo exemplo de esa arquitectura vernácula popular galega que tradicionalmente quedou fóra dos debates patrimoniais ao ser considerados polos discursos autorizados como exemplos de «feísmo» arquitectónico e, por tanto, exentos de valor e/ou necesidade de protección. Estes elementos patrimoniais disonantes son precisamente o foco de interés deste proxecto.

PALCOS céntrase especialmente naqueles palcos máis modestos, construídos a partir dos anos 70 para acoller as formacións musicais da época. Fixámonos nos palcos de bloques, madeira, ladrillos ou formigón, recebados ou sen recebar, con ou sen ornamentación, en bo ou mal estado, incluso se xa non existen.
Tamén recollemos as historias, memorias e relatos que circulan ao seu redor, co obxectivo de reconstruír a vida social destes elementos arquitectónicos característicos da paisaxe festiva galega. Analizar a evolución material dos palcos e a súa relación coa contorna implica explorar a transformación das festas parroquiais en Galicia e, polo tanto, a evolución da propia sociedade galega.
Con esta finalidade, PALCOS incorpora unha perspectiva de ciencia cidadá que por medio dunha plataforma web, obradoiros e outras actividades quere involucrar a cidadanía nas distintas fases da investigación. Isto non só permite activar formas de intelixencia colectiva e innovación cidadá, senón que tamén pode contribuir a pensar colectivamente de que forma as festas posibilitan a creación de espazos de convivencia mais abertos, horizontais e participativos.
———> O proxecto no Observatorio de la Ciencia Ciudadana en España (FECYT)
Fases
O proxecto ten unha duración prevista de tres anos e está dividido en tres fases, que corresponden ás etapas habituais de calquera investigación. Porén, no canto de desenvolverse de forma consecutiva, as tarefas de cada fase entrelázanse e retroaliméntanse ao longo do proxecto.

