Fases

PALCOS ten unha duración prevista de tres anos e está dividido en tres fases, que corresponden ás etapas habituais de calquera investigación. Porén, no canto de desenvolverse de forma consecutiva, as tarefas de cada fase entrelázanse e retroaliméntanse ao longo do proxecto.

Fase 1

Nunha primeira fase, o proxecto busca localizar, documentar e catalogar os palcos de música distribuídos pola xeografía galega, así como recoller información sobre outros elementos materiais presentes na contorna do campo da festa (cruceiros, paradas de bus, igrexas, etc.).


——–Localizar

En Galicia hai máis de 3000 parroquias e case todas teñen ou tiveron un palco da música. Co apoio do estudo Montera34, creamos unha plataforma web para facer un inventario colaborativo de palcos. Calquera persoa con acceso a Internet pode axudar a xeolocalizar os palcos que coñeza e subir información básica sobre eles.

Participa!


——–Documentar

Ademais de localizar os palcos, realizamos medicións, fotografámolos e recompilamos datos sobre a súa contorna, os elementos arquitectónicos e os materiais empregados na súa construción. Tamén investigamos a súa historia e os seus usos, tanto pasados como actuais. Toda esta información recóllese mediante o teléfono móbil utilizando Epicollect, unha ferramenta de acceso aberto que combina unha aplicación web e móbil para xerar cuestionarios e almacenar as respostas. 

Saber máis


——–Clasificar

A información recompilada permitiranos analizar e comparar a evolución morfolóxica e funcional dos palcos en diferentes zonas, axudándonos a comprender mellor a relación entre a súa forma, tamaño e lugar de construción. Por exemplo, segundo o seu uso actual, podemos clasificar os palcos como vivos, reapropiados, fósiles ou lembrados.

Saber máis



Fase 2

Nunha segunda fase, o proxecto enfócase en estudar en detalle casos seleccionados mediante técnicas de investigación etnográfica, co fin de examinar como cambian e se manteñen os elementos materiais que posibilitan as festas.


——–Etnografiar

O equipo adopta un enfoque etnográfico para recoller sobre o terreo información cualitativa sobre o palco ou a festa seleccionada como caso de estudo. Isto inclúe entrevistas en profundidade, observación participante e rexistro fotográfico ou audiovisual, entre outras técnicas de investigación.

Saber mais


——–Analizar

Os datos recollidos ao longo do proxecto (bases de datos, entrevistas, rexistros fotográficos, etc.) só cobran significado cando se cruzan entre si. A análise destes cruces revela temas transversais a numerosos casos de estudo, que, á súa vez, nos dirixen a novas áreas de análise.

Casos de estudo



Fase 3

Esta terceira fase ten unha forte compoñente de intervención, participación cidadá e compromiso coa divulgación do coñecemento xerado ao longo do proxecto. Non só supón a culminación do proxecto, senón que representa tamén unha perspectiva que o atravesa desde o principio, xurdida do compromiso da equipa coa ciencia cidadá.


——–Participar

As actividades destinadas a fomentar a participación activa da cidadanía nas diferentes fases do proxecto foron deseñadas e realizadas polas nosas compañeiras da cooperativa Rexenerando, e incluíron obradoiros e xornadas organizadas en colaboración con distintas entidades.

Saber máis


——–Intervir

Outra das liñas de actuación do proxecto consiste en explorar as novas vías de indagación que se abren ao cruzar a investigación etnográfica coa creación artística (e viceversa). Con este fin, o proxecto conta coa participación da artista sonora, Matilde Meireles, e o fotógrafo, Luis Díaz Díaz, que están desenvolvendo proxectos de creación en diálogo cos avances científicos do proxecto.

Saber máis


——–Divulgar

O proxecto tivo unha ampla repercusión nos medios de comunicación, en parte debido ao seu enfoque en temas relevantes para a realidade social da Galicia actual. Ademais, participamos en feiras científicas, damos charlas e participamos en congresos académicos, onde presentamos os avances da investigación.

Palcos na prensa