A construción dos palcos de música evolucionou ao ritmo do desenvolvemento das festas parroquiais. Se examinamos a súa estrutura, podemos distinguir catro etapas, cada unha asociada a un tipo de palco específico. Aínda que estas fases adoitan entenderse de maneira lineal, é importante subliñar que frecuentemente se superpoñen, permitindo a coexistencia de diferentes tipos de palco nun mesmo período.
Palcos efémeros
Os palcos efémeros eran estruturas temporais levantadas anualmente para as festas, construídas con materiais dispoñibles como vigas de madeira, lonas ou incluso remolques reutilizados. Estas construcións improvisadas, de carácter precario, só se utilizaban durante o tempo que duraba a celebración. Cada ano, a comisión de festas tiña que reconstruír o palco desde cero, aínda que en algunhas parroquias se gardaban as madeiras para reutilizalas nos anos seguintes. Debido ao seu tamaño reducido, estes escenarios estaban destinados a grupos musicais pequenos e non electrificados.
Palcos construidos
A partir de finais dos anos 60 e principios dos 70, os palcos efémeros foron progresivamente substituídos por estruturas permanentes, deseñadas para perdurar no tempo. As comunidades locais, especialmente nas zonas rurais, comezaron a empregar materiais máis resistentes, como o formigón, aproveitando os avances nas técnicas de construción. Durante o noso estudo, observamos unha variedade de palcos con diferentes tipoloxías e materiais. Aínda que a forma rectangular é a máis común, tamén atopamos palcos hexagonais ou cadrados de distintos tamaños, construídos en madeira, formigón ou cemento. Cada un presenta elementos decorativos que non só melloran o seu atractivo estético, senón que tamén reflicten a súa funcionalidade durante as festividades locais. Ademais, moitos destes palcos foron renovados ou ampliados co paso do tempo, adaptándose ás necesidades cambiantes da comunidade e mantendo a súa relevancia cultural e social en Galicia.
Escenarios móbiles
A evolución máis recente dos palcos de música vén da aparición dos chamados escenarios móbiles. A partir de mediados e finais dos anos 80, as orquestras comezaron a empregar remolques de camións especialmente adaptados para transportar os seus propios escenarios, o que provocou que os palcos tradicionais quedasen obsoletos en moitas localidades. Como consecuencia, moitos palcos antigos de formigón e bloques foron demolidos, mentres outros quedaron en desuso ou abandono. Este declive coincidiu cun cambio no modelo das festas parroquiais, que pasaron a centrarse en eventos de maior envergadura.
Os escenarios móbiles están deseñados para facilitar o seu transporte entre distintos lugares, reflectindo os avances en tecnoloxía e loxística que permiten ás orquestras desprazar grandes escenarios e equipos sofisticados de son e iluminación. As necesidades técnicas das orquestras modernas superan con frecuencia as capacidades dos tradicionais campos da festa, o que levou a moitas aldeas a trasladar estes espazos ás aforas, co obxectivo de acomodar escenarios de maior tamaño.