Usos dos palcos

A información recollida na base de datos, xunto co traballo etnográfico a través de entrevistas e observación, permitiranos analizar e comparar a evolución morfolóxica e funcional dos palcos musicais en diversas zonas de Galicia. Isto tamén facilitará unha comprensión máis profunda da relación entre a forma, o tamaño e a localización destas estruturas. A partir do estado de conservación e usos actuais, establecemos catro categorías de palcos: palco vivo, fósil, reapropiado e lembrado.

Estas categorías non son estritamente excluíntes e, en certos casos, poden superpoñerse. Por exemplo, un palco que se activa nas festas (palco vivo) pode servir o resto do ano como almacén ou lugar de encontro para a mocidade (palco reapropiado).

Palco vivo

Un palco vivo e aquele que aínda se utiliza regularmente nas festas parroquiais, xa sexa para a misa, unha foliada, actuacións de bandas na sesión vermú ou como escenario de verbena.

Palco vivo durante as festas de Santa Eufemia de Oza, Teo, A Coruña.
Fotografía: Iñigo-Sánchez-Fuarros.

Palco fósil

Un palco fósil e aquele palco que está abandonado e sen uso desde hai tempo. Pode atoparse en estado ruinoso ou ben conservado, pero permanece como testemuña das festas do pasado.

Palco fósil en Toldao, Pantón, Lugo. Fotografía: Iñigo Sánchez-Fuarros

Palco reapropiado

Refírese a un palco que xa non se emprega para a festa, pero que foi reutilizado polos veciños para outros fins, como lugar de reunión, almacén ou espazo para grafitis.

Leña apilada nun palco. Pombeiro, Pantón, Lugo. Fotografía: Iñigo Sánchez-Fuarros.

Palco lembrado

Estes palcos xa non existen fisicamente e só perviven na memoria, en fotos familiares ou nos arquivos e crónicas das festas pasadas. Foron demolidos para construír palcos maiores ou facer espazo para os camións das orquestras, ou simplemente porque deixaron de usarse.

Lugar onde se atopaba o palco da música de Pareizo, Lalín, Pontevedra.
Fotografía: Iñigo Sánchez-Fuarros