A fase final do proxecto contempla a «activación» dalgúns dos palcos estudados, baseada no coñecemento xerado ao longo do seu desenvolvemento. Para iso, contamos coa colaboración dos artistas Matilde Meireles e Luis Díaz Díaz e co apoio de XEITO, o Laboratorio de Creación Etnográfica do Instituto de Ciencias do Patrimonio.
Arqueoloxía da festa
«Arqueoloxía da festa» é un proxecto artístico que xurdiu da colaboración coa artista e investigadora sonora Matilde Meireles, no marco da 2ª Residencia Incipit de investigación e creación artística, desenvolvida en colaboración coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia no mes de maio de 2024.
O proxecto propón explorar as múltiples sonoridades da materialidade do campo da festa e dos palcos de música. A través do uso de diferentes micrófonos e técnicas de gravación de campo, búscase expandir as posibilidades de escoita en diversas escalas, co fin de reflexionar sobre como o paso do tempo e os cambios nas formas de celebrar a festa están incrustados nos vestixios materiais das paisaxes festivas. O rexistro destas paisaxes sonoras complementarase coa recollida de testemuños e memorias asociadas á festa.
Os materiais recollidos durante esta residencia servirán como punto de partida para a produción dunha exposición/instalación en 2025, que será un dos resultados finais do proxecto PALCOS.
——-Descubre o traballo de Matilde Meireles
Cajas de música / Music boxes
«Cajas de música / Music boxes» é un proxecto persoal do fotógrafo Luis Díaz Díaz, no que revisita e documenta os espazos de celebración no rural galego e os seus palcos de orquestra. Utilizando película analóxica e unha cámara de gran formato, Luis capta estas estruturas e o seu contorno, agora en desuso e en deterioro, que noutros tempos foron centrais na vida e na historia da xente local.
A colaboración entre Luis e o equipo do PALCOS permitirá expandir e dar un novo enfoque ao proxecto a través da combinación de técnicas artísticas e metodoloxías etnográficas.
——-Descubre o traballo de Luis Díaz Díaz