Ao longo do proxecto PALCOS, o traballo etnográfico desenvolvido polo equipo permitiu identificar dinámicas, tensións e transformacións que atravesan a cultura festiva galega contemporánea. As entrevistas en profundidade, a observación participante e o rexistro audiovisual revelaron non só a diversidade de realidades festivas, senón tamén os retos comúns que enfrontan as comunidades na actualidade.
Transformacións organizativas e novos mecanismos de exclusión
O traballo de campo do proxecto PALCOS documenta unha transformación profunda na organización das festas galegas. Os grupos informais de veciños que se xuntaban «e xa estaba» deron paso a estruturas máis burocratizadas: comisións de festas con personalidade xurídica, responsabilidades legais e complexidade administrativa que, paradoxicamente, se converteron nun mecanismo de exclusión e autoexclusión.
As entrevistas realizadas evidencian un problema de relevo xeracional: a mocidade xa non paga a cota da comisión de festas pero inviste centos de euros en festivais comerciais. Esta desafección cara á festa da aldea revela unha falta de conciencia sobre o valor do proceso comunitario. Como expresou unho dos entrevistados, «facer a festa é unha escola de vida», pero a xente non é consciente de todo ese proceso que ocorre ao longo do ano. A festa non é só o día da verbena; é todo o que pasa antes, durante e despois. É tecido social puro.
O carácter binario da festa: incluír é tamén excluír
A investigación etnográfica desenvolvida polo proxecto PALCOS revela que a festa ten unha natureza simultaneamente incluínte e excluínte. Todos poden participar, pero en que? Sempre hai roles predeterminados, espazos asignados, e non todos teñen acceso a todos os lugares da festa.
As mulleres aparecen unha e outra vez nas narrativas recollidas: historicamente relegadas á cociña, á preparación invisible que sostén toda a celebración. O traballo de campo documentou exemplos como o das alfombras florais, onde mulleres «ingoberables» seguen traballando á súa maneira, sen se deixar gobernar por ninguén, mantendo un patrimonio inmaterial que persiste nas marxes.
Outros colectivos historicamente excluídos de certos espazos festivos —nenos, persoas migrantes, persoas con sensibilidade auditiva, animais— forman parte dunha lista que a investigación vai revelando. E as entrevistas recordan algo importante: non participar non sempre significa sentirse excluído. Ás veces simplemente non apetece, ou non é o momento vital. A festa ten os seus ciclos, como os teñen as persoas e as comunidades.
Como resolver esta contradición? Incluír a costa de que? Conservar que patrimonio, a cambio de perpetuar que exclusións?
A homoxeneización como ameaza á diversidade festiva
Un dos achados máis preocupantes da investigación é a progresiva homoxeneización dos modelos festivos. As pequenas festas de parroquia, esas verbenas íntimas, están desaparecendo ou mutando cara eventos «mastodónticos» por efecto da profesionalización.
O traballo etnográfico documenta como, igual que en Galicia hai catro ou cinco empresas que xestionan a maioría dos montes comunais facendo que todos os montes se parezan, o mesmo está pasando coas festas: delégase en profesionais, móstranche un catálogo, escolles segundo o orzamento, e acabas cunha festa estándar que se replica en trinta ou corenta parroquias veciñas. Un puzle con sete ou oito pezas que se van combinando.
As pequenas variacións locais, esas particularidades que facían única a cada festa, estanse perdendo. E con elas, parte da identidade de cada lugar. A espectacularización —ese son altísimo, esas luces cegadoras, eses palcos móbiles que requiren arrasar con árbores centenarias— impuxo unha nova normalidade: a festa como espectáculo, non como encontro.
As entrevistas revelan, ademais, cuestións reputacionais: facer unha festa diferente, máis pequena, máis íntima, pode interpretarse como non ter recursos, como ser menos que as parroquias veciñas. Quen se atreve a romper esa lóxica?
Materialidade e memoria: o dilema patrimonial
O rexistro fotográfico e audiovisual de case 350 palcos ao longo do proxecto levanta preguntas fundamentais sobre materialidade e patrimonio. Que valor teñen os palcos hoxe? Só o da súa materialidade, ou tamén o do esforzo colectivo que representan? E os usos residuais —os mozos que se encontran alí ao solpor, as señoras que o usan como refuxio igual que unha marquesiña de autobús— non contan tamén?
Se tivésemos que construír un palco hoxe, sería como os actuais? Ou sería un espazo máis circular, máis baixo, máis accesible, menos dirixido ao espectáculo e máis ao encontro? Un espazo para a comunidade, non para a orquestra.
E xorde o tema máis espiñento: a patrimonialización. Que significa patrimonializar un palco? Quen decide que se conserva e que se deixa caer? É fosilizar un uso pasado e negar os futuros posibles? Ou é dar un paso atrás e deixar que cada comunidade decida o destino do seu palco, incluso se iso significa deixalo caer en ruínas?
O propio proxecto PALCOS enfrontouse a esta cuestión: unha muller contactou preocupada porque algúns veciños querían tirar un palco que fora catalogado. O catálogo, pensado como ferramenta de documentación, converterase en argumento para debates locais sobre conservación ou demolición. A investigación, sen pretendelo, estaba afectando as dinámicas do territorio.
Os silencios que exclúen
O traballo etnográfico do proxecto revela que as prácticas de organización festiva están cheas de silencios. Dáse por suposto que todo o mundo sabe como se fai, e iso xera exclusión de múltiples tipos. Falta intercambio entre comisións de festas, falta diálogo interxeracional, falta preguntarse realmente «para quen facemos esta festa?»
Conflitos actuais e normalización cultural
O rexistro etnográfico documenta conflitos concretos do presente: árbores centenarias cortadas para que pase o palco móbil dunha orquestra, arquitecturas destruídas, contaminación sonora extrema que fai imposible gozar das festas para persoas sensibles.
Como é posible que os veciños estean de acordo con iso? A resposta é complexa: hai intereses particulares, si, pero tamén unha normalización cultural de que así é como se fai a festa agora. O palco móbil asumiuse completamente, mentres os palcos fixos son denostados.
Ciclos de vida das comunidades festivas
A investigación do proxecto PALCOS documenta que as comunidades festivas teñen ciclos. Ás veces pasan dez anos sen facer festas, e logo ven unha nova onda, unha nova xeración que as retoma. Non hai que dramatizar cada momento de declive como se fose o final definitivo.
As festas están vivas. Onde hai conflito é porque hai vida. E en Galicia segue habendo miles de comisións de festas, miles de veciños dedicando tempo, organizando, coidando. O problema, quizais, é que desde certos sectores políticos e académicos non se soubera ver e valorar esa potencia. A esquerda, por exemplo, considerou durante moito tempo que a festa era «cultura baixa», pouco relevante comparada coa literatura ou as artes «serias». Un erro histórico que deixou ese campo libre para outras forzas.
Horizontes de futuro
O proxecto PALCOS entra nunha nova fase mantendo as portas abertas para colaboracións futuras. Máis que buscar respostas pechadas, trátase de seguir levantando preguntas sobre temas moi complexos que tocan fibras persoais profundas: identidades, experiencias vividas, vínculos co territorio.
Porque, ao final, a festa non é só o día da verbena. É todo o proceso, toda a vida que se tece arredor. E esta comprensión etnográfica da festa como tecido social é, quizais, a principal contribución do proxecto: facer visible todo ese traballo comunitario que ocorre ao longo do ano e que constitúe a verdadeira esencia da cultura festiva galega.
Se queres seguir pensando xuntos sobre estes temas ou colaborar co proxecto, ponte en contacto connosco.
